Os cans da miña aldea

Neste post vou falar dos cans que había na aldea que me criei.

Tristemente, nesa entrañable aldea, só quedan vellos, casas baleiras e corredoiras cheas de silvas e fieitos. Unha aldea que se está esmiuzando como moitas outras espalladas por Galicia adiante. A consecuencia de tal esfarelo, non só fixo que minguaran os veciños, tamén a comunidade canina foi a menos como a auga no verán, situación que me fai lembrar de neno, daquela cando vivía  nunha das aldeas con máis cans en toda a contorna. Tal era a febre perruna, que exceptuando catro veciños (dos trinta e dous que éramos) o que non tiña un can, tiña tres ou catro. Había cans por tódolos lados e de tódolos tipos, dende os máis arteiros para a caza, ata o xenuíno can de palleiro, pasando por cruces perralleiros que eran como quen non os tiña, sen esquecer o can de “rasaloba” que tiña algún que outro veciño doente. Non sei ata que  punto é certo eso de que os cans son como os donos...

Dende o Cotarelo ata a Mourella, pasando polo Cañoto había cans tan bos como o Santo Sacramento e tan malos como a rabia, cans que menos pedigree, tiñan de todo, ata carrachos.

Daquela na aldea había dous centros neurálxicos de vital importancia, a taberna de Teira onde se xuntaban os vellos para xogar á baralla, e o bar do Cañoto, onde se reunía a mocidade para a leria, facer ruído coas motos e beber cubalibres a esgalla. Cervexas tamén. A tal rebumbio acudían cans de tódolos lados, dos Ventosos, de contra a Aldara e das casas de abaixo. Xuntábanse os que ían peiteados cos que bebían a auga dos floreros, os que comían requente cos que mexaban nos portais, cada un co seu propio estilo.

...Todos ladraban!

Tirando cara os Ventosos, tras os barrotes do portal de Clemente, un cruce de medio Pastor Alemán con palleirán, enseñaba os dentes a calquera que por alí pasara, non quedaba corvo nin paloma por espiantar! No campo da festa, estaba a taberna de Teira, onde se xuntaban os vellos sen outro propósito aparente, máis que xogar ao Tute, eso sí, vixiados por un can peludo con cara de sono, moi atento a partida, que ladraba cando lle parecía, descoñécese se era para por orden ou cantar as cuarenta.
Nada máis baixar a Costiña xa ladraba o de Pouso, un can escuro cun collar de cravos, que parecía asirrado polo mesmísimo demo, evidentemente de cariñoso non tiña nada, o dono tampouco!
Ao chegar á Voltiña, os do Cotarelo con dentes da rabia, ladraban como tolos, non hai quen me quite da cabeza que o propósito daqueles cans non era outro que escorrentar aos rapaces, que na época da froita lle entraban á horta.
Dende o Zapateiro ata a Mourella, pasando polo Campo, Espiñosa, Barreiro, Olveira, Lagüeiro, Fermina, Montañés e Ventosos, había cans de todo tipo, dos cales ningún deles morreu de frío. Esto ven a que a perrunada de hoxe en día, incluindo cans, cadelas e donos, en comparación cos de antaño son de pura pacotilla. Gabardinas transpirables, chalecos acolchados, camisetas de algodón con infinidade de estampados, modelos e cores, todo para protexelos da choiva e do frío ártico.  Polo visto agora hai xente que lle presta máis atención aos cans que aos fillos, a estes xa lles poden chegar os mocos aos pés, non pasa nada, pero coidadiño co can, que non me entere eu que non se leva ao veterinario!

Xa me estaba acostumando a velos de sudadera e chaleco con gorro a xogo, que xa me parecía “normal” ata que polo entroido me sorprenderon disfrazados...



Comentarios

Entradas populares

Donald Trump en Baroña

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 1)

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 3)

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 2)