Boirenses e mailo carburo
Vermella |
Algún
día escoitábase por aí que entre tódolos barbanzáns, os de Boiro e periferias, foron
os que máis aguantaron sufrindo as consecuencias a pé da luz de carburo. Descoñezo
a veracidade de tal ruxe ruxe, o que si parece certo facendo caso das faladurías
daqueles vellos, é a relación existente entre o uso desta fonte de enerxía con
extraños sucesos noite e día. Si, parece increíble, pero antes de gozar deste momento
álgido de popularidade, xa experimentaron coa súa confusión mental, xa
que mirara por onde se mirara, Norte, Sur, Este, Oeste, por Vilariño ou ben por
Abanqueiro, era un pobo sometido e ofuscado con aparicións nocturnas de almas
en pena.
Contaba
o finado de Pastor, que o que acontecera aquela noite de inverno, non era para
contarllo a ninguén. Natural de Castrove, aínda que por motivos de traballo,
pasaba os días por terras boirenses dacabalo da Vermella, unha besta bonita de
crin dourada e rendas esmaltadas, un animal un tanto peculiar, xa que ría, andaba, durmía e espeideaba canto
quería. Por eso Rogelio da Ponte, por catro
patacóns e un reloxo de bolsillo sen cadea, con moita razón se desfixera
dela.
Pastor
era un home dado os excesos, tódolos días ao pór do sol, caía pola de Gundián
para recuncar de viño peleón, e para que a besta non durmira nin se espantara,
refregaballe o fociño cun pouco fermento mesturado no mesmo medicamento.
Cun
saco vello, unha colcha de flecos non menos vella e con algo máis de dous
cuarteróns de augardente prusiano, xa era dabondo para matala noite onde se
atoparan. A preocupación deste homiño non
aparecía ata que mesturaba aquela augardente co viño de Gundián, cando
presenciaba o baile dos espiritus en trance, confundindo
a Vermella cunha dama bonita de cabelos dourados e collares esmaltados.
A historia de Pastor non tería importancia se non fose porque as veces só hai
que cruzalo monte que separa aldeas de distinta orientación para quedar
abraiado escoitando como mozuelos de alegre figura esbardallan fartos de paixón,
con feitos de chispeante imaxinación, como se de carburo se tratase.
Mira
ti, o que é ser da aldea do lado!!
Comentarios
Publicar un comentario