Saltala fogueira en tempos de Covid
Pregúntome como será a noite máis curta deste ano. A priori (vendo o irresponsable que é a xente) coido que seremos ben poucos os que levaremos adiante as medidas impostas, o resto como se o de cumprir non fora con eles, que xoguén coa súa saúde, como di o outro “me la suda” pero coa miña… É un feito que verdadeiramente me preocupa.
Lonxe quedan aquelas noites de trangallada, cargadas de encanto, meigallos e sortilexos, mesturado con alcohol e bicos agachados á vista da lúa, daba igual que xiara ou orballara, o que verdadeiramente importaba era o embruxo do momento.
Daba igual que ao día seguinte un estivera escarallado, como se o varearan cun pau de loureiro verde, carballo ou ameneiro, daba igual! A quen lle importaba?
Á mocidade de hoxe en día tamén é así, tampouco lle importa nada, porque cando centos de persoas se dan cita nas praias ao lado dunha fogueira rodeada de desexos, que se pretende? O que menos lles preocupa é a distancia de seguridade, sen falar do uso da mascarilla, que de seguro será o último que lles pase pola cabeza antes de espantar os meigallos saltando a fogueira.
De ben pensado, que distinto se ve de pai.
Salto por riba do lume de san Xoán,
para que non me morda cadela nin can
nin bicho vivinte que ande polo chan.
Gozar da velada con sentidiño.
Comentarios
Publicar un comentario