Os cans da miña aldea
Neste post vou falar dos cans que había na aldea que me criei. Tristemente, nesa entrañable aldea, só quedan vellos, casas baleiras e corredoiras cheas de silvas e fieitos. Unha aldea que se está esmiuzando como moitas outras espalladas por Galicia adiante. A consecuencia de tal esfarelo, non só fixo que minguaran os veciños, tamén a comunidade canina foi a menos como a auga no verán, situación que me fai lembrar de neno, daquela cando vivía nunha das aldeas con máis cans en toda a contorna. Tal era a febre perruna, que exceptuando catro veciños (dos trinta e dous que éramos) o que non tiña un can, tiña tres ou catro. Había cans por tódolos lados e de tódolos tipos, dende os máis arteiros para a caza, ata o xenuíno can de palleiro, pasando por cruces perralleiros que eran como quen non os tiña, sen esquecer o can de “rasaloba” que tiña algún que outro veciño doente. Non sei ata que punto é certo eso de que os cans son como os donos... Dende o Cotarelo ata a Mourella, pas