O Campo das Mouteiras (parte II)



Este relato é a continuación de: O Campo das Mouteiras. Se aínda non leches a primeira parte, sería interesante que o fixeras. Máis que nada, para que non andes perdido como un parvo.


segunda parte

Facía pouco máis de dúas semanas que o mercante ruso Pletoff (coas bodegas repletas de carburo) zarpara de Hamburgo con destiño Vilagarcía, facendo previa escala no porto de A Coruña, para cargar combustible e víveres. Dous días máis tarde e por razóns totalmente descoñecidas, naufragaba preto da punta Ouriceira no Castro de Baroña. Desconfíase que os indicios de tal suceso, tiveran moito que ver coas botellas de albariño e licor café que estes, mercaran nos Cantóns coruñeses.
A liña de puntos marca o itinerario que tiña que seguir o mercante, dende a Coruña ata o porto de destino

Sen pausa nin algareo, as reaccións exotérmicas provocadas polo descomunal vertido da carga, elevaron considerablemente a temperatura da auga, obtendo como resultado, non só un mar estrado de peixes aboiados, tamén ocasionou a morte paulatina de tódalas especies mariñas que alí se atopaban, dende algas a pateiros pasando polo arneirón. Agás unha parella de lajartos que sen ternura nin contemplación, saíron da auga como dous beemeuves escopetados. 

Colleron o camiño cara a fonte, non se sabe se atraídos polo reflexo dos aros das senllas, por mor a virar de cor ou simplemente por refrescarse.

Aínda que os de Baroña, non somos dos que nos asustamos por nada, este suceso inesperado, como que á velocidade de lóstrego se fixo saber. Non sei se foi de boca en boca ou obra do mesmísimo demonio, pero enteróuse quen se tiña que enterar, e aínda que esto dos superhéroes semelle cousa de películas, ao día seguinte, como se dunha estrela mediática se tratase, alí apareceu o Capitán Osorio, alias “Cubeliño” (o guerreiro indómito). Viña nun cabalo, con montura, crin e rabo dourado, feito que levou aos máis entendidos do lugar, chegar á firme conclusión de que o animal non fora criado por alí nin tampouco nos Chans de Raña
En realidade a día de hoxe, carécese de datos fiables que constaten a procedencia de tal equino, o que si se pode deducir é que o guerreiro pola vestimenta un tanto casual, ben podía ser de Orellán, Penas ou Tarrío. A verdade é que a indumentaria resultaba un tanto peculiar, zocos recubertos de la de ovella, amalloas de fio de prata, polainas a xogo cun chaquetón con circonitas nos puños de coiro trenzado, completando a fasquía cun sombreiro de esparto esfolado e un fular bermello de lado, como se viñese dos Sanfermíns. Tamén traía unha espada templada con empuñadura de cristal e virola de bronce con dobre punta entrelazada, na que medio borroso se podía ler o ano e o nome do ferreiro de Nebra que a forxara.


A misión do Capitán Cubeliño non era outra que dar morte á parella de lajartos que sairan a praia coa lingua bífida empalmada, que inducidos por non se sabe o que, traían atemorizados a mozos e mozas de Baroña, e así rematar dunha vez por todas co tormento.

Non faltou quen pensara que o obxectivo do Capitán era colocar o chip no pescozo dos lajartos, para deste xeito telos identificados e localizados, pero eso só pasou pola cacharola dalgún aventaxado, que xa daquela nin que mirara a televisión.
Este é un dos camiños por onde pasaron uns, mailos outros

A parella peixerreptil ao verse acosada fuxíu, non sen rodeos por camiños e corredoiras, coa intención de chegar ao Alto da Armada, pero ao pasar polo Magrío o fío da espada templada, fixo correr a sangue fría dun deles.

Mentras tanto, o outro exemplar cruzara Arnela nun periquete, corría asustado co propósito de agacharse na cova de Fonforrón.  Aínda que, con máis intención que sorte, xa que dende o máis alto da Lebre, en menos de nada, a mesma espada templada, fora lanzada dun xeito preciso, eficaz e contundente, lañando o derradeiro lajarto espantado.


A sorpresa foi que ao retirar a espada, o Capitán Cubeliño, atopouse   que no ventre do lajarto, había un ovo branco como a nevePénsase que o reflexo da lúa, o encanto e a xiada da noite, foron dabondo para que ese ovo petrificado, ao día seguinte amosara pendurado no máis alto, agardando a chamada, que algún día a rolos o volverá ao mar.
Ilustración do ovo pendurado no máis alto

O Campo das Mouteiras (terceira parte)



Algarear Facer ruído, barullo.
Senlla Recipiente de madeira utilizado para transportar e manter a auga fresca.







Comentarios

Destacado

O auténtico MOU

Sol e candil

Ribeira vs Riveira