Nin maio nin meigallo

Corrían tempos de Pepa a loba, cando os amuletos nos confíns da superstición abordaban o último solpor de abril (before sunset, para os de máis alá de Boiro). Dándolle un sentido rotundo e figurado ao “maio”, dende aquela, ven sendo habitual poñer  esta ponla de xesta floreada a todo o que se queira protexer de mal de ollos, forzas negras, malos espiritus,  meigallos chuchóns ou calquera outro maleficio, ben sexa na embarcación, no coche, na porta da vivenda e ata no traballo. Cada quen pon a galla onde lle pete. A máis dun había que espetarlla na testa. 




A humilde xesta (do latín genesta) é a reina das flores de maio por excelencia. É unha planta de flor fermosa de cor amarelo, que pola súa abundancia, vémola a cotío pero non lle prestamos a atención que se merece,  xa que pola súa beleza sería digna de ser plantada nos xardíns máis elegantes, aínda que na miña horta, Dios me libre dela! Non a quero, nin a sol nin a sombra!

Esta planta ten o seu "aquel", porque xa os máis vellos do lugar decían que para non coller o maio nin o meigallo, o último día de abril, era o día de non pasarlle a escoba á casa,  facíase ao día seguinte cunha vasoira de xesta a estreo. O polvo que se recollía, tirábase de costas ao sol decindo:

“Así como esta broza foi botada
Mal e envexa enmeigada sexa cortada.”

Parándose un pouco a pensar, chégase á clara conclusión de que os de antes, pasábanse con tanta superstición, de aí tan cautelosos! Eu pregúntome: Que foi daqueles ritos e conxuros baseados na cinza da xesta queimada? Que pasa na actualidade coas meigas? Será que a palmaron todas sen deixar legado? 

Eu dende aquí, que ao fin de contas non deixa de ser unha porta ao mundo, quero continuar a tradición para que non nos colla o maio nin o meigallo.




Comentarios

Entradas populares

Donald Trump en Baroña

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 1)

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 3)

Os cans da miña aldea

Sol e candil