Boirenses e mailo carburo

Vermella
Algún día escoitábase por aí que entre tódolos barbanzáns, os de Boiro e periferias, foron os que máis aguantaron sufrindo as consecuencias a pé da luz de carburo. Descoñezo a veracidade de tal ruxe ruxe, o que si parece certo facendo caso das faladurías daqueles vellos, é a relación existente entre o uso desta fonte de enerxía con extraños sucesos noite e día. Si, parece increíble, pero antes de gozar deste momento álgido de popularidade, xa experimentaron coa súa confusión mental, xa que mirara por onde se mirara, Norte, Sur, Este, Oeste, por Vilariño ou ben por Abanqueiro, era un pobo sometido e ofuscado con aparicións nocturnas de almas en pena.

Contaba o finado de Pastor, que o que acontecera aquela noite de inverno, non era para contarllo a ninguén. Natural de Castrove, aínda que por motivos de traballo, pasaba os días por terras boirenses dacabalo da Vermella, unha besta bonita de crin dourada e rendas esmaltadas, un animal un tanto peculiar,  xa que ría, andaba, durmía e espeideaba canto quería. Por eso  Rogelio da Ponte, por catro patacóns e un reloxo de bolsillo sen cadea, con moita razón se desfixera dela. 

Pastor era un home dado os excesos, tódolos días ao pór do sol, caía pola de Gundián para recuncar de viño peleón, e para que a besta non durmira nin se espantara, refregaballe o fociño cun pouco fermento mesturado no mesmo medicamento.

Cun saco vello, unha colcha de flecos non menos vella e con algo máis de dous cuarteróns de augardente prusiano, xa era dabondo para matala noite onde se atoparan.  A preocupación deste homiño non aparecía ata que mesturaba aquela augardente co viño de Gundián, cando presenciaba o baile dos espiritus en trance, confundindo a Vermella cunha dama bonita de cabelos dourados e collares esmaltados.

A historia de Pastor non tería importancia se non fose porque as veces só hai que cruzalo monte que separa aldeas de distinta orientación para quedar abraiado escoitando como mozuelos de alegre figura esbardallan fartos de paixón, con feitos de chispeante imaxinación, como se de carburo se tratase.  

Mira ti, o que é ser da aldea do lado!!

Comentarios

Entradas populares

Donald Trump en Baroña

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 1)

MANDOLINA NAPOLITANA (construcción - fase 3)

Os cans da miña aldea

Sol e candil